O Grupo Municipal Socialista de Oleiros lamenta que o Alcalde non se dedique ás prioridades dos e das oleireses e siga ocultándolles a golpe de titulares a realidade dun proxecto esgotado e a xestión pouco eficiente do Concello.

Este martes 8 de agosto houbo unha Comisión especial de contas no Concello de Oleiros na que, a pesar da coidada rede de comunicación de Alternativa e de García Seoane, se evidencia de novo o proxecto esgotado e a xestión pouco eficiente do Concello.

Oleiros, 8 de agosto de 2023. O Grupo Municipal Socialista de Oleiros lamenta que o goberno presidido por García Seoane non se decida a centrarse nos problemas de Oleiros e na xestión do día a día dos servicios básicos. A comisión informativa de hoxe retrasouse ata acadar quórum posto que o goberno de Alternativa e García Seoane esquecera a convocatoria propia, á que por parte da oposición so acudiron representantes do PSdeG. Outro novo episodio como o do último Pleno, no que levouse a aprobación un modificativo de orzamentos que amosaba imprevisión, falta de proxecto e ineficiencia na xestión do público. Faltaban cartos para cuestións básicas de mantemento que deberían estar axeitadamente orzamentadas como a limpeza de centros públicos ou o mantemento de instalacións térmicas. Non fixo falla modificar os gastos en publicidade, eses están moi ben pensados e traballados. Outra mostra de imprevisión e mala xestión foi o expediente de axuste do Servizo de Limpeza Viaria porque non vai ser licitado en prazo, o que obriga a axustar a anualidade orzamentada, o mesmo que está a pasar co contrato de Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes do Concello, que se iniciou no 2017 e aínda non se renovou.

Nese mesmo Pleno pedimos explicacións sobre un contrato para “Soporte e mantemento de aplicación informáticas” subscrito por un procedemento negociado sen publicidade por un importe de 514.469,57€.

Os erros de Xestión de Alternativa e García Seoane na tramitación de subvencións mal feitas vanlle custar ao peto dos oleirenses varios millóns de euros, como na solicitude de 2.138.768€ para o proxecto da senda de Iñás a Nós, desestimada por non superar os limiares mínimos de puntuación requiridos en cada fase de valoración ou ter cero puntos en calidade, ou na proposta de reforma integral do mercado municipal de Perillo, outro medio millón de euros que poñerán os oleirenses, posto que o concello non xustificou axeitadamente que se ía reducir en máis do 30% o consumo enerxético.

Por outra banda o Concello de Oleiros non pon enriba da mesa, como nós pedimos, un estudo de retorno do gasto do auditorio de Bastiagueiro, lembrando que no ano 2008 o proxecto ascendía a 8,5 millóns, no 2021 o Sr. García Seoane anunciou que o custe estaría nuns cinco millóns de euros e no 2023 vaise licitar por 11.700.000 euros -máis do dobre do dito no 2021- sen explicar nin os custos de mantemento nin cales van ser os ingresos que aporte.

Mais aló da política de fotos e titulares que promove Alternativa, estes datos amosan pouca preocupación polo día a día dos servizos básicos e unha xestión cando menos mellorable. Houbo unha época de boa xestión xa superada hai anos en Oleiros pero a día de hoxe non se pode vivir de rendas a golpe de desinformación.

Saúdos,

Socialistas de Oleiros