logopsoeO Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oleiros a través da súa Voceira, Covadonga Díaz e ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, con base nos motivos e consideracións que se detallan a continuación.

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

Os Servicios Sociais non deben de ser exclusivos dos gobernos Central ou Autonómico senón que os Concellos pola súa proximidade os cidadáns deben garantir un Estado de Benestar que ten a súa máxima expresión no coidado das persoas maiores. O Concello de Oleiros, un dos máis ricos de Galicia, debe ofrecer uns servizos públicos de calidade e non sucumbir a tentación de deixar exclusivamente en mans privadas o que é un principio dos gobernos que se consideran solidarios.

As familias queren e respectan ós seus maiores e contribúen ó seu coidado, en moitos casos  renunciando a postos de traballo, (case sempre as mulleres), para poder atender ós seus familiares. Se importante é a labor no coidado dos nenos que o Concello asumiu construíndo escolas infantís, non deixa de ser menos importante o labor social público cos maiores, e o fomento do emprego a través da prestación de servizos á Terceira Idade.

A promulgación da Lei de Dependencia dotou de dereitos ós nosos maiores e dependentes e habilitou fondos para financiar os servizos públicos de atención ás persoas dependentes. Por iso, agora máis xustificadamente ca nunca, resulta oportuno e prioritario adoptar medidas que fomenten a dotación de infraestruturas de atención á Terceira Idade no noso Concello, e máis concretamente demandar a posta en servizo de centros da Terceira Idade e de Residencias de Maiores.

Para iso as Administracións Públicas, o Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Goberno Municipal de Oleiros deben sumar esforzos para facer realidade os dereitos que outorga a Lei de Dependencia a favor dos veciños de Oleiros e de Galicia.

O Concello de Oleiros dispón de solos dotacionais en distintas urbanizacións do termo municipal que lle foron cedidos gratuitamente como consecuencia da xestión urbanística sobre os que se poderían construír centros da Terceira Idade e Residencias de Maiores.

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ten as competencias, a financiación e o obxectivo de construír a rede de infraestruturas de atención ós nosos maiores.

Por este motivo o Grupo Municipal Socialista do Concello de Oleiros, en base ó artigo 50.14 do RD 2568/1986, presenta a seguinte MOCIÓN para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal.

1.- O Concello de Oleiros pon a disposición da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galicia os solos dotacionais que a continuación se indican para que dita Consellería seleccione aquel ou aqueles que resulten máis apropiados para construír centros da Terceira Idade, Residencias de Maiores, casas de acollidas para mulleres maltratadas ou calquera outra infraestructura pública de carácter social:

-         2649 m2 de solo de equipamento público no PP-SUP-4R en Oleiros

-         2000 m2 dos 4410 m2 de solo para equipamento público no SUP-PP-2 en Meixon Frio

-         O D-11 de Rialta

-         O solo dotacional do SUNP-B-29-R de O Vieiro en Nós

2.- O Concello de Oleiros solicita que, previa análise da idoneidade dos solos ofertados, a Vicepresidencia da Xunta comunique ó concello a relación de solos seleccionados sobre os que a Vicepresidencia se compromete a construír equipamentos sociais.

3.- O Concello de Oleiros comprométese pola súa banda a ceder gratuitamente tales solos seleccionados á Xunta de Galicia.

4.- Facúltase ó Alcalde-Presidente do Concello de Oleiros a realizar tódalas xestións para levar adiante o contido da presente moción.

En Oleiros, a 27 de decembro de 2007

Asdo: Covadonga Díaz

Voceira do Grupo Municipal Socialista

Learn More