21-o

“Galicia decidiu hoxe o seu futuro para os próximos 4 anos, decidiu darlle unha ampla maioría ao PP, polo que xa felicitei ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo.

Permítanme que agradeza enormemente a todos aqueles galegos e galegas que depositaron a súa confianza no PSdeG, e que lle agradeza singularmente a todos os milleiros de homes e mulleres militantes deste partido que se volcaron nunha campaña fermosa, ilusionada, con moitas gañas, pero que ao final son os cidadáns, cando falan, os que deciden....

Quero garantirlle a toda Galicia que, durante os próximos 4 anos, o PSdeG estará traballando onde nos puxo a cidadanía, no Parlamento Galego, para conseguir aquelas cousas nas que sempre soñamos.

Persoalmente quero asumir a responsabilidade deste resultado, como secretario xeral, como candidato, e quero dicir que me sinto orgulloso do traballo que fixemos todos. Fago esta asunción de responsabilidade con total serenidade, coa serenidade que me da a sensación de ter feito o que tiñamos que facer.

Polo tanto, dende esta serenidade quero abrir un escenario de profunda reflexión da nosa organización política, que a través dos órganos do partido, coa militancia e coa sociedade estableceremos ao longo das próximas datas.

Temos un obxectivo como bos socialistas: non desanimarnos nunca, seguir traballando, seguir crendo no que sempre defendemos e aceptar democraticamente os resultados deste pobo galego que decidiu escoller este camiño para os próximos anos.

Quero agradecerlle aos medios de comunicación, á xente que confiou en nós, a este partido que traballou, e dicirlle que cando se defende aquilo no que un cre non se desanima un nunca. As posibilidades seguen abertas, tardaremos mais ou menos, pero vamos a seguir traballando pola Galicia coa que sempre soñamos.

Responsabilidade, serenidade, profunda reflexión para tratar de acadar o camiño que nos permita recuperar a confianza de tantos homes e mulleres que, aínda estando nunha situación desesperada, non foron capaces de ver en nós a solución a eses problemas.

Moitísimas grazas”.

Learn More